Empregado busca empresa

Fai unhas semanas iniciei o que foi a miña primeira ronda de intentos de ser contratado por algunha empresa, saqueille brillo ao meu currículum, vestín as miñas mellores galas e quiteille o po aos meu mellores adxectivos disposto a deleitar a toda canta persoa se me puxeran por diante. Moitas e moitos xa sabedes como é iso de buscar traballo, de venderse e falar de todo cando fixeches, algo esgotador, inquiétante e que moitas veces leva a considerar se o que un fixo na vida ata chegar onde está hoxe é suficiente.

Sendo sincero considero que non, que o que fixen ata agora nunca vai ser suficiente para a empresa que busca alguén que contratar, é complicado que con 24 anos, tras rematar a carreira e facer un mestrado che sobren un par de anos para ter experiencia nese sector concreto no que andas a procurar o teu primeiro traballo, as contas non dan, pero iso non lle importa a ninguén, máis experiencia significa menos tempo que a empresa ten que adicar a formar a unha nova persoa, polo tanto máis traballo e máis beneficio. A experiencia do primeiro traballo é unha experiencia complicada, polo menos estao sendo para min, por primeira vez en moito tempo non hai un despois como o houbo tras o colexio, tras o instituto e tras a carreira. Agora é o momento de mostrar todos eses coñecementos que fuches recollendo polo camiño, se che deixan, e de afrontar que es un máis.

Pero non todo cae do noso lado. Cando unha empresa busca un novo empregado o que está facendo é unha inversión, unha aposta por unha persoa cunhas cualidades concretas que cumpran as necesidades presentes, e a poder ser futuras, dese posto. Contratar a alguén é, ou debería ser, un proceso meticuloso, rigoroso e onde o respecto debería ser o máximo por ambas partes, cousa que na miña experiencia non podo dicir que se cumpra. Cousas como responder cando che envían un currículum, informar dos prazos de admisión de propostas, de cantas e como serán as fases e do peche do prazo deberían ser a base de calquer proceso de contratación. Moitas veces a sensación é que como meros traballadores debemos responder ante a chamada das empresas aínda que estas, xa no seu proceso de contratación, se esquezan de que somos persoas que, como dicía antes, estamos nunha situación incómoda, nunha avaliación continua das nosas decisións ata ese momento.

As empresas precisan de empregados, e os empregados precisan dunha empresa, todo dentro dos seus matices. Os empregados son o valor da empresa, cada segundo que unha persoa está traballando nunha empresa, nun posto, nunha actividade concreta, adquire un valor que moitas veces se subestima. Unha boa idea con malos empregados non chega tan lonxe como unha mala idea con bos empregados.

PD: Como dixen antes, un empregado con experiencia significa menos formación, pero tamén significa máis hábitos e manías, as veces a experiencia é necesaria, outras veces pode ser adquirida por unha persoa sen ela, sen hábitos e manías e con outra visión diferente. A experiencia non é sinónimo de escoller ben. Aínda que moitos “CEO” non o saiban a misión dunha empresa é crear valor, que non é o mesmo que beneficio e non son excluíntes.

Imaxe: Unsplash