O galego como identificador, non como diferenciador
Nos últimos tempos, e nalgúns casos non tan últimos, están aparecendo en moitos medios, redes sociais, diarios e similares en galego, algo que me alegra moito, pero que, pode que por culpa da época na que vivimos, pode que por culpa de moitos outros motivos moi dispares, están levando esta gran identificación máis lonxe do que deberían, chegando nalgúns casos a ser este máis un motivo en contra que a favor. Como sabedes eu mesmo non fai tanto fun o impulsor de unha rede que se auto-denominaba a primeira rede de blogs temáticos en galego, e si, semella que estabamos buscando o termo exacto no que ser os primeiros aínda que realmente esa non fose a nosa intención. Como podedes ver nesa pequena oración coa que nos tentábamos identificar aparecía a palabra galego para identificarnos, para dicir que pese a que existen moitas en moitos idiomas a nosa é a primeira neste, e que nos sentimos moi orgullosos de que así sexa. E para min iso non ten nada de malo, igual que non o ten que xornais como Praza ou Sermos o digan, ou que redes sociais como Cabozo o anuncien, paréceme moi ben, é algo que os identifica e que nos fala a nós, posible lectores, do que nos podemos atopar neles.

Como podedes ler no título o problema disto non é nin será nunca que un medio se identifique por facer uso do galego como lingua principal, oxalá houbese moitos máis, o problema de todo isto é cando pretende que ese feito sexa algo que os diferencie e que lles faga pensar que eles xogan noutra liga. Non pode ser que un medio de comunicación, sexa na lingua que sexa, pretenda ter máis lectores cando sae en versión papel unha vez por semana con menos páxinas que un diario de tirada diaria e que custe 3€, dirédesme que cantidade non é igual a calidade e eu dígovos que merquedes unha semana a edición papel de Sermos e me digades se custa o que vale.

Neste mesmo eido podemos ver como hoxe en día dispoñemos de múltiples diarios en galego na rede cuxo nivel de diferenciación é moi baixo, as veces teño a sensación de que estes medios esquecen que como galegos que somos podemos entender perfectamente o castelán como mínimo, a maiores do galego, que se acudimos a eles non pretendemos atopar o mesmo que nun diario de tirada nacional a non ser que sexan capaces de competir con el.

Non señores, ser un diario en galego non quere dicir que os galegos o vaiamos ler por usar esa lingua. Usar o galego é algo que vos identifica, que nos di que sodes, é algo que moita xente, entre a que me inclúo, botaba de menos na prensa, pero non é algo que vos vaia facer mellores que outro diario. O que vos vai facer mellores é que saibades buscar o voso nicho de mercado, que saibades onde podedes ofrecer mellor información que outros diarios e onde poidades chegar mellor á xente por estar máis próximo a eles. Se algo tedes a favor polo galego é que ante dous diarios de igual calidade eu sempre escollería o que estivera en galego, pero deixade de pensar en calquer outra vantaxe. E direivos que tamén temos exemplos disto.

Un apartado especial quero adicar a Cabozo, por non tratarse dun xornal e por ser un caso máis especial. Quero comezar dicindo que non teño nada en contra dos seus fundadores o da rede, para min calquer intento, calquera idea que se tente levar adiante merece todo o meu respecto.

Como xa saberedes Cabozo é unha rede social que para a súa desgracia cae no mesmo pecado que os xornais anteriormente citados, estar en galego non é un diferenciador. Se calquera de vós entra nesta rede social decatarase de que non oferta ningunha cousa que a diferencie do resto de redes sociais nin conta cunha usabilidade que faga especial. Entendo perfectamente que competir contra grandes multinacionais con recursos tan limitados é case imposible, pero facelo no seu mesmo terreo é un suicidio, utilizar o galego como diferenciador unha estupidez. Dende aquí gustaríame darlles un consello que agardo que aprecien, sei que no mundo do xornalismo é máis doado diferenciarse que non mundo das redes sociais pero aínda así se queren ter futuro a longo prazo iso é o que deben facer. Buscade algo que só vós poidades ofrecer, ou que só vós poidades ofrecer con tanta calidade e ide con todas a por el.

Como vos comentaba ao empezar eu mesmo comezara a miña rede incluíndo na súa definición que era en galego, e esta fracasou, canto menos polo momento. Non fracasou só por isto, fracasou por moitas cousas que un rapaz de 20 anos ten por aprender, pero se algo sabía dende o primeiro momento era que o obxectivo sempre tiña que ser competir cos grandes, quizais non no seu terreo, pero si a súa altura.