O mellor roguelike de todos os tempos chega ao seu fin
Este artigo publicouse orixinalmente na revista Tempos de abril do 2017

O pasado xaneiro viu a luz a última expansión de The Binding of Isaac, Afterbith+, unha expansión coa que se pechan 6 anos de desenvolvemento dun dos roguelikes máis queridos e xogados de todos os tempos e que incluso formou parte da selecta lista de xogos de lanzamento da recén estreada Nintendo Switch.

A historia de The Binding of Isaac comeza no ano 2011 como un proxecto moi sinxelo feito en flash por Edmund McMillen, xa coñecido polo fantástico e moi recomendable Super Meat Boy, e baseado na historia bíblica do mesmo nome empezou a súa andaina como un proxecto de unha semana onde Edmund e Florian Himsl buscaban crear algo similar ás mazmorras de The Legend of Zelda procurando facer unha crítica a todo aquelo que lles gustaba e non da relixión. Pese a tratarse dun lanzamento modesto que só estaba dispoñible para Windows pronto alcanzou unha gran popularidade que os levou a lanzar a súa primeira expansión, Wrath of the Lamb en 2012.

Pero a súa idea inicial de facer o xogo en flash tiña moitas limitacións que lles imposibilitaban introducir melloras e cambios moi necesarios. Así que en 2014, tras aliarse con Nicalis, saía ao mercado The Binding os Isaac: Rebirth como unha versión renovada, reprogramada dende cero e dispoñible para todas as plataformas. Tras esta chegarían Afterbirth en outubro de 2015 e Afterbith+ a comezos deste ano como última expansión oficial.

The Binding of Isaac é un xogo que basea a súa historia na Biblia, en concreto o xogo empeza cun vídeo onde explican como unha voz lle pide á nai de Isaac que o castigue para enderezar o seu camiño, quitandolle os libros, os xoguetes e ata a roupa. Finalmente a voz pídelle a nai que o mate; é entón cando Isaac escapa ao sótano e empeza a nosa historia. O xogo componse de cinco fases con dous sótanos cada unha delas. Estos sótanos están cheos de habitacións que se xeran de forma aleatoria nas que podemos atopar cartas, pilulas, cofres e trinkets que nos permitan mellorar ou empeorar as nosas estatísticas. Ao final de cada nivel está un xefe ao que debemos vencer para acceder ás escaleira que permiten baixar ao seguinte nivel.

The Binding of Isaac, como todos os roguelike, é un xogo complexo, moi complexo, pero tamén é un xogo xusto no que a base de práctica conseguirás avanzar e sentir que empezas a dominalo, e só despois de moitas horas e moitas máis mortes conseguirás controlalo á perfección. Ademais, se che gusta a historia, conta cunha gran comunidade e un amplo número de webs onde poder atopar toda a información para non perder detalle do gran universo que Edmund McMillen creou para nós.