Overwatch, cando o equipo é máis que a suma das partes
Este artigo publicouse orixinalmente na revista Tempos de xullo do 2016

Aínda que para os máis veteráns do videoxogo pode que Blizzard, unha das desenvolvedoras con máis tempo na industria, non pasara nunca de moda, para os novos que non viviron os mellores tempos do World of Warcraft, do Starcraft e incluso do Diablo, Overwatch non só é algo polo que empezar, senón tamén algo a ter moi en conta para o futuro.

Dende fai xa uns anos Blizzard entendeu que a forma de facerse un sitio neste novo mercado de videoxogos onde Minecraft e os moba (multplayer online battle arena) gratuítos son a norma, pasaba por crear novas IP, é dicir, novos formatos que deixaran atrás o coñecido ata entón. Os seus dous primeiros intentos, Hearthstone e Heroes of the Storm, collían estas necesidades e reutilizaban os héroes dos seus anteriores xogos para tranformalos nun xogo de cartas, no primeiro caso, e nun moba moi similar ao que podemos atopar en League of Legends ou Smite no segundo.

Pero con Overwatch a aposta é moito máis forte. Blizzard parte de cero neste novo xogo multixogador fps (first person shooter), mostrándolle ao mundo novos personaxes e un novo lore, unha nova historia detrás de cada un deles, nun formato apto para todo o mundo, doado de entender e xogar pero complicado de dominar.

Overwatch é un xogo de disparos en primeira persoa que nada ten que ver cun Call of Duty ou un Battlefield, aquí as individualidades non suman, o que importa é a cooperación e o equipo. Por iso entre os 21 personaxes a elexir distínguense catro clases, os de ataque, os de defensa, os tanques e os sanadores, algo que o propio xogo che lembrará antes de saír a loitar nun dos 12 mapas cos que conta cos teus 5 compañeiros. Se queres gañar debes xogar en equipo e iso implica ter un equipo organizado.

Unha vez dentro da batalla, nada vos vai resultar estraño, non hai modos de xogo que non se viran noutros shooters nin grandes mecánicas que nos fagan abandonar ao pouco de empezar, todo o contrario, Overwatch sabe premiar aos gañadores e aos perdedores ao final de cada partida, evita dar números de mortes e asasinatos, porque quere, por riba de todo, que o que sume sexa o equipo. E para iso, para que te sintas cómodo no teu rol, sexas un sanador ou un atacante, cada personaxe ten características únicas, permitíndoche atopar a clase e a personaxe dentro dese rol que mellor se che axuste.

Overwatch sabe facer moitas cousas ben, o apartado gráfico e as sensacións únicas que produce cada personaxe son un bo exemplo, e saber que isto só pode ir a mellor no futuro fai que pagar 40  € non sexa en absoluto un sacrificio, pero se queres que a experiencia sexa redonda é necesario xogar con compañeiros.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *