Spring Forward (Opinión)

Pese a que onte polo Twitter dicía que botaba de menos falar de tecnoloxía o certo é que hoxe en día este mundo cada vez vai menos de aparellos e innovación e cada vez máis de marketing, de vender e en xeral de facer o que Apple leva anos facendo, sen deixar outras das súas facetas de lado, claro está. A tecnoloxía non avanza ao ritmo que avanzaba fai uns anos, o salto que se producíu dos móbiles aos smartphones foi un período que con dificultade se repetirá a curto prazo e habituarse a iso como consumidor, e máis importante, como produtor é algo que require un tempo. A tecnoloxía de consumo actual, no que respecta a móbiles e similares, ten que asimilar que o salto da televisión en branco en negro a televisión a cor xa pasou, e non vai volver, é o momento de mellorar o que xa temos e de, si, facer máis marketing que nunca para vendernos cousas como o 3D.

Marketing, ese é o termo que vai acompañar á tecnoloxía neste futuro próximo, un termo que Apple coñece moi ben e que leva usando como ninguén dende que Steve Jobs chegou ao cargo; Macs e iPods de cores, tecnoloxías con nomes propios e un longo etcétera de exemplos que de seguro todos coñecemos e que non fan senón facer máis apetecible e xustificable prezos e aparellos que de outra forma non entrarían no noso fogar. Non me malinterpretedes, un pode tentar adornar calquer cousa con purpurina e cores, pero se cando un chega a casa co seu flamante novo aparello este non funciona está claro que non vai vender ningún máis. Ese non é o caso de Apple quen sempre acompañou o bo marketing co bo produto final, tanto é así que ata o de hoxe o prezo sempre quedou xustificado por cualidades como deseño, calidade ou atención, polo menos no meu caso. Os produtos de Apple son tan bos ou necesarios como os de calquer outra compañía, pero na guerra que está por vir, a do marketing, eles levan anos de experiencia.

Dito isto, está claro que os de Cupertino coñecen mellor que ninguén o camiño a seguir, o mesmo que seguiron para chegar aquí, un camiño que inclúe a renovación anual de portátiles, como foi o caso dos modelos Air e Pro, e a inclusión de novas tecnoloxías e ideas con grandes nomes, como foi o caso dos MacBook. Este novo modelo, que pasa a estar dispoñible en tres cores, é o resultado da máis pura estratexia e non dunha necesidade, se sodes capaces de quitarlle a capa que disfraza a este novo modelo veredes como en realidade o que temos aquí é o primeiro ultrabook de Apple, no peor sentido, un portátil que carece da potencia dos seus irmáns maiores e que co seu procesador se achega máis a unha táblet que a un equipo portátil de última xeración. Non podemos xulgar un libro pola súa tapa, máis a contraportada deste, onde se atopa a sinopse, non dá ganas de comezar a ler. Unha vez superado este trámite e as diversas melloras que introduciron neste modelo, como teclas e trackpad que pasan a estar dispoñibles en Air e Pro tamén, queda falar dun dos detalles deste renacido MacBook, a única conexión USB tipo C da que disporá todo o equipo, cousa que fará imposible, por exemplo, cargar e conectarse a un monitor externo, salvo que contemos cun adaptador. Comentario a parte merecen aqueles que fixeron as contas e decidiron que un só conector significa menos cables, en todo caso significa un máis, o citado adaptador. Con todo o equipo é un elemento moi interesante, non porque recomende a súa compra, que estaría centrada nun grupo moi concreto de xente e necesidades, senón porque nel atopamos melloras que suporán o punto de inicio para outras e para futuros modelos.

Pero evidentemente se eu estou escribindo isto e ti como lector tamén chegaches ata aquí é principalmente por outra cousa, o Apple Watch, ese pequeno aparello cuxa existencia en si xa é un feito a cuestionarse. Comecemos polo que máis nos doe a todos, o prezo, e comezamos por aquí porque é o máis sinxelo de resolver, sobre todo despois de ver bastantes comentarios e, porque non dicilo, bastantes tonterías ao respecto. Non, quen ten 10,000€ para gastar nun reloxo non é máis listo que quen non os ten pero telos e poder gastalos tampouco significa o contrario ou ter pouca dignidade, como xa lin por aí, xulgar a xente polo seu poder adquisitivo, sexa alto baixo ou medio, paréceme bastante de mal gusto, eu persoalmente non podo e seguramente se puidese non querería gastar tantos cartos nun reloxo, sexa como sexa, pero iso non quere dicir que teña que denigrar a ninguén por facelo. O Apple Watch ten o prezo que ten, igual que calquer outro produto, e responderá ás leis da oferta e da demanda como calquer outro.

Para min este novo wearable, como calquer outro, ten un problema de concepto que o marketing, moi acertadamente, soubo superar, a súa necesidade. Si, de novo estamos ante algo moi persoal, pero ata certo punto non podo evitar ver estes novos aparellos con interfaces aínda por desenvolver que se interpoñen entre nós e os nosos móbiles, moito máis avanzados e con máis funcións. Podo entender o seu uso de forma moi limitada e puntual pero non o nivel de complicación do que se lles está dotando, imos deixar de utilizar as grandes pantallas para quedar birollos nunha de dúas polgadas? Realmente usamos o móbil para cousas tan sinxelas todo o día? Entón porque son cada vez máis potentes? O futuro dirá.

Centrándonos un pouco máis na estratexia de Apple hai dúas cousas que non acabo de entender, a primeira sería a insistencia de centrarse no deporte. Porque si, os wearables comezaron a súa andaina como obxectos principalmente centrados no mundo deportivo, Fitbit, Jawbone e similares son boa proba diso, pero iso non ten que ser necesariamente o camiño a seguir por todos e, no caso de querer seguilo, non creo que esta sexa a forma adecuada. Dende que teño uso de razón sempre practiquei deporte e non foi ata este ano que comecei a levar comigo o móbil para adestrar para escoitar podcast, o meu móbil é un iPhone 5 e para escoitar os podcast levo un brazalete, mido aproximadamente 1,98m, polo que vos podedes facer unha idea que o meu brazo non é pequeno e aínda así ter que levar o brazalete co móbil todos os días é unha das peores cousas que hai, o simple feito de saber que o Apple Watch non me vai solucionar nada neste aspecto é algo que podo entender, eu non son o público obxectivo, o que non podo entender é que este sexa un dos principais reclamos para a súa compra. Con total sinceridade podo dicirvos que se buscades un reloxo intelixente para realizar deporte o Sony Smartwatch 3 é mellor elección xa que conta cun GPS que permite saír a practicar deporte sen ter que levar o móbil enriba, pero claro a min iso como usuario de Apple de pouco me sirve.

E isto da pé a segunda cousa que non entendo. Así que o Apple Watch é o aparello máis persoal nunca fabricado polos de Cupertino, un reloxo que podemos atopar en varias cores, tamaños, materiais, con diferentes correas e un sinfín de cousas, é dicir no aspecto non tecnolóxico estamos a falar de un reloxo de gama media alta, tampouco cabería esperar outra cousa, pero no puramente tecnolóxico acábanse as opcións. Non vou dicir as cousas que se dixeron nalgúns blogs, porque só terían sentido no aspecto físico e non no tecnolóxico, e iso é quedarse coa metade do pastel, se podo elixir entre cores e materiais quero poder elixir no que leva dentro, quero poder ter un GPS para que ese reloxo, o máis persoal, sexa realmente o que eu quero, pero non é así, e aquí baixamos de novo á terra. Estamos falando despois de todo de un aparello tecnolóxico, con compoñentes electrónicos e software, estamos falando de un obxecto que precisa de un móbil ao lado para funcionar. Eu entendo que Apple queira xogar a iso e que haxa xente que o queira ver así, pero o Apple Watch non é un reloxo Suízo na mesma forma que non é un Garmin, e podo estar moi equivocado, pero as empresas tecnolóxicas non viven de facer un reloxo que dure 10 anos.