Superhot, un shooter para tomar con calma
Este artigo publicouse orixinalmente na revista Tempos de marzo do 2017. Tedes o gameplay completo na miña canle de Youtube.

Todos os anos a industria do videoxogo chega a nós con centos de títulos que tentan facerse un oco nas nosas pantallas con novas propostas, algunhas moi continuistas, como soe ocorrer cos grandes triples A, e outras menos, como os títulos independientes. Pero de cando en vez, entre todos estes grandes títulos, xorden novas propostas que, sen ser necesariamente os mellores xogos da xeración, marcan unha diferencia con novas mecánicas e formas de contar a súa historia.

Este sen dúbida é o caso de Superhot, unha idea que víu por primeira vez a luz no ano 2013 como resultado do 7 Days FPS Challenge, un maratón de programación, e que continuou evolucionando ata convertirse no xogo que sairía ao mercado en 2016. Superhot é un xogo de disparos en primeira persoa, pero tamén é un xogo de estratexia. En Superhot non conta tanto a puntería ou a túa velocidade disparando como a visión que teñas de todo o que se desenvolven ao teu redor en cada nivel. Para iso o equipo de desenvolvemento creou unha interfaz moi sinxela con unicamente catro cores, o vermello para marcar ao enemigos, o negro para marcarte a ti ou os obxectos que podes usar, e o branco e o gris para o resto do entorno. Isto xunto cos enemigos que parecen estar feitos de cristal crean unha sensación única de xogo dentro dun xogo que se ve reforzada coa historia.

Pero non nos imos enganar, a historia é algo secundario, unha forma simple e sinxela de unir as diferentes fases e darlle sentido a un xogo que funcionaría á perfección sen ela, porque o que domina por riba de todo son as mecánicas. En Superhot o tempo vai a outra velocidade, a unha tan lenta que realmente é como se non pasase ata que nos movemos. Así, se temos un enemigo diante este non se moverá ata que nós o fagamos, e para entón el xa pode estar noutra posición, e o máis importante, o resto de enemigos que non podemos ver, porque xirarnos supón gastar máis tempo do que temos, tamén. Por iso, aínda que como vos dicía este xogo é un shooter, hai que apuntar e disparar, tamén é un xogo de estratexia onde tes que pensar a coreografía antes de facer o primeiro disparo. E si, é unha coreografía a cámara lenta, un bullet time dirixido por ti como se estivésemos en Matrix e que poderás ver a velocidade normal cando superes o nivel.

Superhot presenta unhas mecánicas novas e unha forma de entender os shooter moi diferente á que tíñamos ata agora, e faino dunha forma moi sinxela e limpa, tanto que pode deixar un regusto a demo máis que a xogo completo. Oxalá ver unha nova entrega futura, un Superhot 2 onde as mecánicas funcionen dentro dunha historia e un conxunto máis grande que redima as poucas malas sensacións que deixa este gran videoxogo.